miércoles, 28 de mayo de 2014

As tres vías de estimación do PIB: produción ou oferta, renda e gasto ou demanda

Como xa sabemos, o Produto Interior Bruto (PIB) é a magnitude de síntese do resultado da actividade económica dun país.

Son tres os métodos ou vías alternativas que se empregan para calcular o PIB, e que se corresponden cos distintos fluxos que se xeran como consecuencia da actividade económica. Polo tanto, a obtención da mesma macromagnitude por estas tres vías permítenos cuantificar unha mesma realidade económica en distintos momentos do circuíto económico:




Pola vía da produción ou oferta, medimos o PIB no momento en que se produce a xeración do valor engadido nas diferentes actividades económicas.


Pola vía da renda, cuantificamos o PIB no momento no que o valor engadido xerado se reparte entre os factores produtivos participantes.


Pola vía do gasto ou demanda, obtemos o PIB no momento no que os individuos realizan o gasto da súa renda na adquisición dos bens e servizos finais.





1. A vía da produción ou oferta

Pola vía da oferta, o PIB representa a suma das contribucións de cada rama de actividade (agricultura, industria, construción e servizos) á creación de valor engadido.


 Valor Engadido Bruto




A vía da oferta ou do valor engadido infórmanos da distribución sectorial da renda. Así, poderemos saber que actividades son as que xeran máis renda, e polo tanto teñen un maior peso no PIB.




2. A vía da renda

Pola vía da renda, o PIB obtense como suma das remuneracións aos propietarios dos factores produtivos (traballo e capital) que interviron nos procesos produtivos.

O feito de que na produción se xere valor engadido permite que os factores produtivos sexan remunerados:


Remuneración de asalariados (RA)


Representa o conxunto de rendas percibidas polos traballadores asalariados. 


Excedente bruto de explotación (EBE)


Recolle o resto de rendas xeradas e que non remuneran o traballo asalariado, tales coma xuros, dividendos, rendas da terra ou beneficios non distribuídos.



Rendas mixtas (RM)


Comprenden as remuneracións do factor capital no caso dos empregados autónomos.







3. A vía da demanda ou gasto

Dende o punto de vista da demanda, o PIB rexistra as utilizacións dos bens e servizos finais producidos.

Os bens e servizos finais poden ser utilizados en operacións de consumo ou de investimento:



Consumo final (CF)


Representa o valor dos bens e servizos empregados para satisfacer directamente as necesidades humanas (tanto individuais coma colectivas) dos cidadáns: é o caso dos alimentos, os automóbiles ou os servizos sanitarios. Exceptúanse as vivendas.


Formación bruta de capital (FBC)


Está composta polos bens de uso duradeiro, adquiridos no período, e que son empregados coma medios de produción (factor capital) durante varios exercicios económicos (anos). Inclúense as fábricas, a maquinaria, os medios de transporte, etc., que foron adquiridos para ser empregados nalgún proceso produtivo.


A suma do consumo final e a formación bruta de capital dá lugar á Demanda Nacional, que cuantifica o gasto realizado en bens e servizos finais polas persoas residentes.



Ademais, hai unha parte dos bens e servizos producidos no interior que son adquiridos por non residentes:

Exportacións de bens e servizos (X)


Comprenden o valor de todos os bens e servizos vendidos polos residentes ao resto do mundo.


Finalmente, posto que a Demanda Nacional contabiliza o total de bens e servizos adquiridos polos residentes e unha parte dos mesmos non foron producidos no territorio, senón que proceden do resto do mundo, cómpre descontar o valor dos mesmos para que o resultado final sexa o PIB, é dicir, o producido dentro do territorio:

Importacións de bens e servizos (M)


Mide o valor de todos os bens e servizos mercados polos residentes ao resto do mundo.






PROPOSTA DE TRABALLO:

Este contido está na web do IGE, no seu portal educativo. Neste portal podedes atopar estes contidos máis desenvolvidos. A proposta consiste en facer as actividades, exercicios e test propostos polo propio portal.


Portal educativo IGE “Instituto Galego de Estatística”




No apartado Macroeconomía:


Conceptos teóricos


Actividades:

O PIB. O crecemento económico

O comercio exterior e intracomunitario


Exercicios macromagnitudes (6)


Test macromagnitudes









Outras entradas relacionadas


Estrutura económica da poboación de Galicia (IGE)

No hay comentarios:

Publicar un comentario