martes, 24 de septiembre de 2013

Estrutura económica da poboación de Galicia (IGE)




O IGE (Instituto Galego de Estatística) co obxectivo de facilitar a comprensión dos datos estatísticos, creou o Portal Educativo. Nel podemos atopar moita información útil para o estudo da economía, dende definicións e conceptos teóricos ata numerosos exemplos e actividades propostas.

Neste momento os datos que nos interesan son os relativos a estrutura da poboación, en concreto a estrutura económica da poboación.

Aproveito o recurso para propoñer unhas actividades (son prácticamente idénticas ás propostas polo IGE).



Estrutura económica da poboación
Para estudar a estrutura económica da poboación hai que considerar dous factores: por un lado é necesario distinguir a porcentaxe de poboación en relación coa súa actividade e, por outro, os distintos sectores nos que se desenvolve esa actividade (os sectores económicos).


Poboación en relación coa actividade
Sempre que se fala da clasificación da poboación en relación coa actividade económica faise referencia á poboación de 16 ou máis anos, xa que é a idade legal mínima para incorporarse ao mercado laboral en España. Tendo isto en conta, a poboación de 16 e máis anos pode clasificarse, atendendo a súa relación coa actividade económica, en:




Poboación activa
É o conxunto de persoas de 16 ou máis anos que subministran man de obra para a produción de bens e servizos económicos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse á produción. É dicir, a poboación activa está composta polos ocupados e polos parados.

Poboación ocupada
Son as persoas de 16 ou máis anos que teñen un traballo por conta allea, é dicir que traballan para outra persoa ou empresa (asalariados), ou exercen unha actividade por conta propia (autónomos).

Poboación parada
Segundo a Organización Internacional do Traballo (OIT) defínese a poboación parada como todas aquelas persoas de 16 ou máis anos que están sen traballo, dispoñibles para traballar e buscando activamente emprego.

Poboación inactiva
Comprende todas aquelas persoas de 16 ou máis anos non clasificadas como ocupadas ou como paradas. Distínguense as seguintes categorías:
                Persoas que se ocupan do seu fogar.
                Estudantes.
                Xubilados ou retirados.
                Persoas que reciben unha pensión distinta da xubilación e prexubilación.
                Persoas que realizan sen remuneración traballos sociais, actividades de tipo benéfico, etc.
                Incapacitados para traballar.

Poboación contada aparte
Ata decembro de 2001, os homes que cumprían o servizo militar (ou o servizo civil obrigatorio) clasificábanse como poboación contada aparte, isto é, non se incluían entre os activos nin entre os inactivos. Dende o 1 de xaneiro de 2002 suprímese o servizo militar obrigatorio, polo que tamén desaparece esta categoría.


Exercicio 1: Pinchando no seguinte enlace podes consultar os últimos datos da poboación galega de 16 ou máis anos en relación coa actividade económica, é dicir, os activos (ocupados e parados) e os inactivos. Cal foi a variación (en porcentaxe) no último ano?


Para medir o grao de actividade socioprofesional dunha poboación emprégase a taxa de actividade:
Taxa de actividade
Calcúlase como o cociente do número de activos entre a poboación total de 16 ou máis anos, multiplicado por cen. Esta taxa indica que a porcentaxe da poboación total de 16 ou máis anos está en condicións de traballar.

Exemplo: segundo a Enquisa de poboación activa (EPA) a poboación total de 16 ou máis anos en Galicia, no ano 2009, era de 2.386,2 mil persoas, mentres que a poboación activa situábase nas 1.317,4 mil persoas. Entón, para o ano 2009, a taxa de actividade calcúlase como: taxa de actividade = (activos/poboación total de 16 ou máis anos)*100 = (1.317,4/2.386,2)*100 = 55,2%.
A taxa de actividade depende do grao de desenvolvemento económico, da duración da escolarización, da idade de xubilación,... Galicia tiña no ano 2009 unha taxa de actividade do 55,2%. Esta taxa correspóndelle aos países desenvolvidos, mentres que os países do Terceiro Mundo teñen unha taxa que oscila entre o 25 e o 40%.
Os trazos básicos da evolución recente da taxa de actividade galega, así como a española, son o atraso da incorporación dos novos ao mercado laboral, a anticipación da idade de xubilación ou a incorporación progresiva da muller ao mundo laboral.
A taxa de actividade presenta variacións en función do xénero, da idade e do territorio:
                En función do xénero: tal e como se pode observar no enlace anterior a taxa de actividade masculina nos últimos anos permaneceu practicamente sen variacións, mentres que a taxa de actividade femenina aumentou, motivada pola progresiva incorporación da muller ao mercado de traballo.
                En función da idade: tal e como se pode observar no enlace anterior as maiores taxas de actividade danse no grupo de idade entre os 25 e os 54 anos.
                En función do territorio as maiores taxas de actividade danse nas provincias de Coruña e Pontevedra, provincias de maior dinamismo económico.


Exercicio 2: Nos anteriores enlaces, busca o último dato sobre a taxa de actitivade en función do xénero, idade e territorio. Indica as mesmas e fai un comentario.



Taxa de ocupación
Obtense como o cociente do número de ocupados entre a poboación total de 16 ou máis anos, multiplicado por cen. Esta taxa proporciona a porcentaxe de poboación que está traballando sobre a poboación total en idade laboral.
Exemplo: no ano 2009 en Galicia había 1.151,4 mil ocupados segundo a EPA. ¿En canto se situou a taxa de ocupación para este ano? Tendo en conta que a poboación total en idade laboral era de 2.386,2 mil persoas (ver exemplo anterior) a taxa de ocupación ven dada por: taxa de ocupación = (ocupados/poboación total de 16 ou máis anos)*100 = (1.151,4/2.386,2)*100 = 48,3%. É dicir, de cada 100 persoas en idade laboral algo máis de 48 estaban traballando.
O paro ou desemprego é un dos problemas sociais máis graves do noso tempo. Atopar un emprego pode ser difícil ante os constantes cambios tecnolóxicos e a evolución das actividades económicas. Para medir este problema emprégase a Taxa de paro.

Taxa de paro
A taxa de paro calcúlase como o cociente entre a poboación parada e a poboación activa, multiplicado por cen. Obsérvese que neste caso para calcular a taxa de paro divídese entre a poboación activa, non entre a poboación total de 16 ou máis anos, tal e como pasaba coas taxas anteriores. A taxa de paro indica o número de parados que hai por cada cen persoas que están en condicións de traballar (traballando ou paradas).

Exemplo: continuando cos exemplos anteriores e tendo en conta que o número de parados en Galicia, no ano 2009, era 165,9 mil, a taxa de paro calcularíase do seguinte xeito: taxa de paro = (poboación parada/poboación activa)*100 = (165,9/1.317,4)*100 = 12,6%. É dicir, no ano 2009, de cada 100 persoas que estaban en condicións de traballar, algo máis de 12 non tiñan un emprego.

Exercicio 3: Na seguinte ligazón pódese ver unha evolución da taxa de paro nos últimos anos en Galicia: Taxas de paro por sexo Consulta a mesma e comenta a evolución dos últimos anos.


Exercicio 4: Cos datos que encontrarás na seguinte ligazón, calcula as taxas de actividade, ocupación e paro para as provincias galegas:
Poboación en relación coa actividade Compara a túa provincia con Galicia.



Máis adiante estudaremos a poboación en función da actividade que se realiza no seu centro de traballo (por sectores económicos).

FONTE: Estrutura da poboación (IGE-Portal Educativo)



Aproveito para enlazar o Vídeo Presentación do IGE



2 comentarios:

  1. Ola Jose, dende o IGE queremos agradecerche que utilices os contidos do noso Portal Educativo no teu blog; se precisas máis información que a que temos dispoñible na web, ou axuda con algunha cuestión estatística ou do propio Portal, non dubides en porte en contacto connosco. Un saúdo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Gracias a vós por facilitarnos esta ferramenta de axuda para as nosas clases. Un saúdo.

      Eliminar